luns, 22 de decembro de 2025

RUTA DE NADAL DA FERVENZA DE OUZANDE. CASTRO DE ARCOS

 

A AC A Fervenza de Ouzande programa a 14ª edición da Ruta de Nadal na  que se realizará a subida ao Castro de Arcos, no veciño concello de Cuntis.
A Asociación convida a pasar a mañá do día de Nadal dun xeito diferente. Gozaremos da paisaxe, da natureza e da conversa amigable, e seguro que tamén servirá para alixeirar a copiosa cea de Noiteboa.

Xoves 25 de decembro de 2025
Hora de saída: 09:30, diante da Igrexa de Ouzande.
Chegada sobre as 13:15 ao mesmo sitio.
12 km de percorrido, dificultade media baixa.
Recoméndase levar calzado cómodo e impermeable.
A ruta só se suspenderá se as condicións meteorolóxicas impiden a súa realización.
A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.
 

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:
Castro de Arcos. Sito no Concello de Cuntis. Fermoso promontorio, coas trazas de castro, pero que está sen escavar. Desde o alto. obsérvanse fermosas panorámicas do Val da Anllada e do monte Xesteiras. Recoméndase levar prismáticos, pois mesmo se chega a ver a Ría desde o alto. O castro está en moi boas condicións de accesibilidade cos camiños limpos e constitúe un destino sendeirista perfecto.
Encoro da Estrada: Descenderemos pola beira do antigo encoro que abastecía de auga á vila da Estrada, convertido hoxe en día nunha lagoa na que destaca a vexetación propia de ribeira así como a presenza dalgunhas aves migratorias nalgunhas épocas do ano.
Espazos naturais e paisaxe: A ruta combina espazos naturais autóctonos de moito valor con zonas moi deterioradas polo efecto humano nas que se fixeron grandes plantacións de eucaliptos mesmo en zonas de humedais e turbeiras de gran valor ecolóxico. Tamén, recentemente, foron instalados varios muíños de vento, cuxas obras provocaron certo impacto na contorna e o deterioro de algunhas paraxes.

 
mapa da ruta

 

 

AS FOTOS DA FESTA DOUTONO DA FERVENZA DE OUZANDE

 Non queremos rematar o ano sen publicar as mellores fotos da FESTA DOUTONO DA ASOCIACIÓN. Castañas asadas, xogos, moita música con Retrouso e Decotío, e sobre todo moita diversión e convivencia.

Picando na imaxe podes ver máis fotos:


 

ASÍ FOI A RUTA DE OUTONO DA FERVENZA DE OUZANDE 2025

 Un animoso e nutrido grupo de 25 persoas respondeu á convocatoria da Fervenza de Ouzande.

Unha mañá solleira e de agradable temperatura recibiu aos camiñantes que completaron os 12 km de roteiro, no tempo establecido.
Gozaron, coma sempre nas rutas da Fervenza de Ouzande, da paisaxe e da conversa e quedaron citados para a próxima ruta da asocidación, o 25 de decembro, día de Nadal.
 
Picando na imaxe poderás ver as mellores fotos da ruta. 

mércores, 5 de novembro de 2025

FESTA DOUTONO 2025 EN OUZANDE

A partir das 8 da noite no local social do campo da festa de Ouzande.

 

Música a cargo das agrupacións musicais Retrouso de Ouzande e Decotío. Convídase aos asistentes a traer os seus instrumentos para facer foliada.


Haberá castañas asadas e viño novo de balde para todos e todas as asistentes.
Tamén haberá servizo de bar con chourizos asados e bebidas a prezos económicos. Tamén haberá xogos populares para os asistentes.

luns, 6 de outubro de 2025

VOLVE A RUTA DOUTONO Á PROGRAMACIÓN DA FERVENZA DE OUZANDE. IMOS ANDAR.


 
Dámoslle a benvida ao outono andando e falando
 
RUTA A CASTRORRAMIRO
 
A AC A Fervenza de Ouzande recupera a Ruta Doutono dentro da súa programación de roteiros pola contorna IMOS ANDAR. ANDAMOS E FALAMOS.
 
A ruta terá lugar o vindeiro domingo, 12 de outubro e terá como destino o lugar de Castrorramiro na veciña parroque de Somoza.

A saída será ás 9:30 da mañá e regreso ás 13:0 (Igrexa de Ouzande) 

A actividade é gratuíta e poden participar todas as persoas que o desexen, socias ou non socias.

PERCORRIDO:12 km.

DIFICULTADE: baixa

MATERIAL: é preciso levar roupa cómoda (chándal, botas de montaña...), tendo en conta a predición metereolóxica.

A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma. 

LUGARES DE INTERESE: no noso percorrido habémonos atopar cos seguintes puntos de interese:

- No transcurso da ruta atravesaremos varias masas de bosque autóctono con abundantes carballeiras, castiñeiros, acivros, e vexetación de ribeira, á beira dos numerosos regatos que cruzaremos no percorrido. Trátase dun dos percorridos da nosa contorna onde se conserva mellor a flora autóctona, de grande fermosura neste inicio de outono.

-Lugar de Castrorramiro. Fermoso lugar da parroquia da Somoza, que conserva numerosas costrucións tradicionais e a estrutura de pequeno núcleo rural con ruelas, eiras e fermosos recunchos.

-Pozo da Freixa ou Fírvida. Contorna con muíños e unha fervenza, ademais dun pozo de considarables dimensións para facer un descanso.

-Contorno de muíños da Fervenza de Ouzande.

 

 mapa da ruta a castrorramiro


 

sábado, 27 de setembro de 2025

HORARIOS E PROFESORADO PARA AS CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL EN OUZANDE. CURSO 2O25-2026


HORARIOS DAS CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL EN OUZANDE 2025-2026

MÉRCORES
 
CANTO TRADICIONAL
19:45 a 20:45
Profesor: ANTÓN CALVO
Inicio: 1 de outubro

VENRES
 
PERCUSIÓN (tamboril/bombo)
19:30 a 20:30
Profesor: RAMÓN MARIL
Inicio: 3 de outubro

GAITA (Iniciación)
20:30 a 21:30
Profesor: RAMÓN MARIL
Inicio: 3 de outubro

SÁBADOS
 
PERCUSIÓN (Perfeccionamento)
18:30 a 20:00
Profesora: RAMÓN MARIL
Inicio: 4 de outubro

GAITA (Perfeccionamento)
20:00 a 22.00
Profesora: RAMÓN MARIL
Inicio: 4 de outubro
 
PANDEIRETA (Iniciación)
17:00 a 18:30
Profesora: SILVIA MARTÍNEZ
Inicio: 11 de outubro
 
PANDEIRETA (Perfeccionamento)
18:00 a 19:30
Profesora: SILVIA MARTÍNTEZ
Inicio: 11 de outubro

BAILE TRADICIONAL
19:30 a 21:00
Profesora: SILVIA MARTÍNEZ
Inicio: 11 de outubro

 Xa podes inscribirte nas clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande. As disciplinas son: GAITA, PERCUSIÓN, PANDEIRETA, BAILE E CANTO TRADICIONAL. 

Dá igual o nivel que teñas, na Fervenza de Ouzande temos un sitio para ti. As clases comezarán nas datas e horas que se indican. Achégate para informarte ou anotarte.

Máis información en:

carreirosouzande@gmail.com
https://www.facebook.com/afervenza.deouzande
@fervenzadeouzande

 


BAILAS? CLASES DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL EN OUZANDE. CURSO 2025-2026

 

Xa podes inscribirte nas clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande. As disciplinas serán: GAITA, PERCUSIÓN, PANDEIRETA, BAILE E CANTO TRADICIONAL. 
 
Dá igual o nivel que teñas, na Fervenzade Ouzande temos un sitio para ti. As clases comezarán no mes de outubro. Máis información en:
carreirosouzande@gmail.com
https://www.facebook.com/afervenza.deouzande
@fervenzadeouzande 

 

venres, 26 de setembro de 2025

ASÍ FOI A FOLIADA FIN DE CURSO 2025 EN OUZANDE

 A Fervenza de Ouzande pechou un novo curso de música e baile tradicional en Ouzande. Todos os grupos das disciplinas impartidas foron mostrando os seus progresos nun ambiente festivo.

As clases de pandeireta, gaita, percusión, baile e canto foron desfilando diante dun público animoso e entregado. Despois dunha merenda de confraternidade, a festa continuou cunha animada foliada onde os grupos se mesturaron para cantar, tocar e bailar ata a madrugada. 

O ano que ven máis. As mellores fotos picando na imaxe:


 

mércores, 18 de xuño de 2025

FOLIADA FIN DE CURSO 2025

 

Este sábado, 21de xuño, a partir das 20 horas, no campo da festa de Ouzande, terá lugar o peche festivo das clases de música, baile e canto tradicional correspondente ao presente curso 2024-2025,  que incluíron as disciplinas de gaita, percusión, canto, pandeireta e baile tradicional. Unhas 30 persoas acudiron á súa cita semanal nestas modalidades.

O evento do próximo sábado iniciarase coas actuacións do alumnado a fin de  mostrar a súa progresión nas diferentes disciplinas das clases.

 Convidamos tamén a que as persoas que o desexen traian os seus instrumentos e ganas de pasalo ben para continuar coa festa.

Haberá servizo de bar.